O Autor do Cartel
Marcos Vigo Díaz
O primeiro paso na preparación dun novo festival é crear o sinal, o icono, que identifique o que vai ser o acontecemento daquel ano dentro do espírito que dá alento a Pardiñas, encargamos a Marcos Vigo este reto, e acertou, porque o cartel que abre esta revista transmite a música, a ledicia, a necesidade de bailar…, nos nervios, no golpe, no xeito de tocar esta pandereta, asemella que o mesmo cartel está a comunicarnos toda a festa que abrolla nestes dous días. É a mellor chamada para convocarnos a facer festa.
Marcos Vigo Díaz de Pacios, entre Begonte e Baamonde, o autor que dá a coñecer este XXVI Festival, é un dos novos deseñadores gráficos deste país, non só pola súa idade, senón pola intensidade coa que está a vivir a súa arte e toda a problemática que xira arredor do deseño gráfico en Galiza, moi marxinado nas programacións de estudos, por iso está a celebrar a recén aprobación da Escola Superior de Deseño Gráfico en Lugo, na que vai seguir estudiando.
Forma parte dun grupo de compañeiros que se prepararon na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo: “Materia Gris”, para buscar novos horizontes nunha profesión que conta nas novas xeracións con xente moi válida pero á que non está a recoñecerse a súa capacidade artistica. Están a artellar unha revista para dar a coñecer estes novos valores e acadar máis espazos para o deseño gráfico, desenvolvendo iniciativas en serigrafía e outros soportes publicitario.
Traballou en gráfica publicitaria e como grafista maquetista, e xa no eido da creación é o autor de moitos carteis das festas desta comarca, así vén de ser agasallado co I Premio de Carteis da Festa dos Callos e da Cantería de Parga e co I Premio dun cartel da Once de Lugo. Tamén compuxo varios carteis artisticos publicitarios para establecementos públicos. Fixo exposición de fotografía na Sala de Arte da Escola e campañas publicitarias como unha recente para un Festival de Curtametraxes.


