Como parece que este ano o verán ven outra vez caluroso, e como todos sabemos que a calor non facilita aguantar melodramas de gran profundidade filosófica (é dicir, coñazos con pretensións pseudo-intelectuais e actuacións ó borde da parálise facial. Que mellor entonces que refrescarse con algunhas comedias, que sen esquivar a complexidade do mundo no que vivimos, non son complicadas ‘por-que-si’, ou por pura pose e moda [As proxeccións terán lugar na Casa das Palabras (Edificio Caixa Galicia)].

semana_video_1A PEGADA. Luns 22 de Agosto, 22:30 h.

Dirección: Joseph L. Mankiewicz. Interpretes: Laurence Olivier, Michael Caine, Alec Cawthorne, John Matthews, Eve Channing, Teddy Martin.

Última película do seu realizador, a pesares do seu éxito. Mankiewicz leva aquí ó extremo a súa obsesión polos xogos e o engano, ata converter ós protagonistas en sosias humanos de parellas da animación clásica coma Bugs Bunny i Elmer, ou Tom e Jerry. Cousa que non tería conseguido sen as magníficas interpretacións de Olivier e Caine, que desenrolan aquí un pequeno capítulo da loita de clases e as súas trampas.

 

semana_video_2LUA DE PAPEL. Martes 23 de Agosto, 22:30 h.

Dirección: Peter Bogdanovich. Interpretes: Ryan O’Neal, Tatum O’Neal, Madeline Kahn, John Hillerman, P.J. Johnson, Jessie Lee Fulton.

Retrato da gran depresión dos anos trinta en formato de comedia sentimental e ‘road-movie’, con trazos de ‘buddy-movie’ ou ‘pai-fillo-movie’. A destacar o traballo dos O’Neal (Tatum ten aínda a marca de persoa máis xoven en gañar un Óscar gracias a esta película), e a sempre vigorosa, e ás veces virtuosista, ás veces clasicista, posta en escena de Bogdanovich, tan boa que non eclipsa a dimensión emocional da película.

 

semana_video_3BICOS ROUBADOS. Mércores 24 de Agosto, 22:30 h.

Dirección: François Truffaut. Interpretes: Jean-Pierre Léaud, Delphine Seyrig, Claude Jade, Michael Lonsdale, Harry-Max, André Falcon, Daniel Ceccaldi.

Terceira entrega das aventuras de Antoine Doinel, o protagonista de ‘Os Catrocentos Golpes’, ópera prima de Truffaut, e un dos cañonazos iniciais da ‘Nouvelle Vague’. Truffaut abandona aquí o ton dramático da súa primeira etapa para realizar unha comedia sosegada e chea de situacións tan supostamente cotidians coma absurdas e divertidas, mirada que manterá en obras posteriores tan recomendables coma a magnífica ‘O Amante do Amor’ (que en realidade é a película que quería botar, pero non teño unha copia en condicións, así que xa sabedes).

O HOME DO TRAXE BRANCO. Xoves 25 de Agosto, 22:30 h.

Dirección: Alexander Mackendrick. Interpretes: Alec Guinness. Joan Greenwood, Cecil Parker, Michael Gough, Ernest Thesiger, Howard Marion-Crawford.

A segunda película do seu director, un dos principais artífices do estilo das comedias dos Ealing Studios. Se tedes oído algo deste director e das súas películas non fai falla que vos diga máis, seguro que tedes curiosidade por ver algunha. Se non oichedes falar nunca de Mackendrick tedes unha oportunidade de coñecer de primeira man un humor que por moito que se intente imitar é irrepetible. E se xa vistes esta película non creo que falla falta que vos intente convencer da súa excelencia.

 

semana_video_5THIS IS SPINAL TAP. Venres 26 de Agosto, 22:30 h.

Dirección: Rob Reiner. Interpretes: Rob Reiner, Mick Shrimpton, Tony Hendra, Michael McKean, Christopher Guest, Harry Shearer, Fran Drescher.

Recentemente escollida polos lectores da revista ‘Mojo’ coma a mellor película ‘rock’ da historia, algo obvio por outra parte. Este documental, ou ‘rockumental’ como o seu propio director o denominou, é un dos filmes de culto máis coñecidos da historia é unha mirada imprescindible para coñecer como se viviu nos setenta a cultura do rock por parte dos seus propios protagonistas e personaxes concomitantes. As veces desmitificadora, outras simplemente hilarante, a visión de ‘This is Spinal Tap’ semella imprescindible para comprender a comedia dos últimos anos, pero non para entender porque nunca se volveu a chegar ó nivel do orixinal.