ISAAC DÍAZ PARDO

isaac_diaz

Fai anos, moi de vagar, disfrutando do Campo de Santa Sabela, enchoupados polo limo, o humus do Miño, o que nos fai a todos humanos, Xermolos compartiu con Manuel María o soño de integrar dun xeito significativo no universo da Chaira, a mulleres e homes doutras rexións de Galicia, que nos forneceron con vencellos, recoñecendoos “Chairegos de honra”. E concordamos que o primeiro tiña que ser Fiz Vergara. No solpor, o lombo ateigado de estrelas do Pai dos ríos, medrou con aquela intuición e con él toda a Terra Chá, Axustamos a data do nomeamento no Belén de Begonte, no Nadal. E dende aquela o horizonte deste “mar en calma”, non fai máis ca agrandarse. Xa forman unha estela.

E arestora cando se cumpren os 20 anos, desta primeira investidura, deixanos, Isaac Díaz Pardo, que entre tantas distincións, lucía coma un facho aceso, a nosa luciña, acaialle ben no seu porte sinxelo. Acendíuse no San Alberte de Parga, unha paisaxe que o emocionara noutros encontros nos que participara. Cando Isaac nace para sempre á historia do pobo, lembro o comentario ós murais, feitos polo seu pai Camilo, que alumean o Nacemento na igrexa de Ortigueira, berce do avó paterno, falandome da atrocidade da guerra do 36, e da nobreza do seu pai, un home cheo de paz como se respira neste Belén.

Pero o Neno pequeno e tenro tamén tivo o mesmo destino cruel, acreditamos… Varios anos participamos xuntos no cabodano do seu pai, o 14 de agosto, na cuneta onde foi asasinado, preto de Palas.diaz-pardo_alfonso

Díaz Pardo foi o mestre que me ensinou a ler, con aqueles ollos infindos, na memoria secuestrada tantos anos, a das vítimas do terror. Este creador humanista é a encarnación da ética que tod@s debecemos, a persoa insobornable.

Cando Xermolos organizou a primeira actividade. no 77, despois dun longo debate, escollimos un debuxo seu, as mans xunguidas, que ilustran a 1ª edición das Memorias dun neno labrego, para anunciar a conferencia de Fernández Oca sobre o agro. Isaac xa era para a asociación un alento que a axudaba a abrollar, e foino sentindo, como o caudal do Miño, que silencioso é sempre fecundador, enfortecendo as comarcas do país, vertebrandoas nun mesmo destino dende Irimia á Garda mareira. Isaac é o espiñazo de Galicia, a referencia necesaria para facer pobo dende a dignidade dos bos e xenerosos.

Alfonso Blanco Torrado.

 

EL PROGRESO

''Isaac foi un descreído optimista''