- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

O profesor Francisco Fanego.


Houbo un profesor naqueles tempos que tivo pegada no alumno, Xosé Díaz Castro, e co que mantería unha forte amizade, o profesor de Latín e Humanidades, Francisco Fanego Losada (1887-1974), un dos grandes latinistas do seu tempo, que se mostrou un admirador da súa poesía. Coma profesor de Retórica, Poética e Latín, dedicaba algunha clase a recitar os autores clásicos, pero tamén a Noriega Varela. Alonso Montero definiría a Francisco Fanego, coma "un magister oral de extraordinaria eficacia..., o latín era para el un sacramento" . O noso poeta compartía a emoción e a técnica desta arte declamatoria, mesmo admirando aos seus condiscípulos, coa memorización e o ritmo co que debullaba os poemas de Horacio ou Virxilio. Disfrutaba nestas clases e nos tempos de ocio. Sentíase realizado... E aquela experiencia de comuñón coa natureza, na súa infancia, revestíase, agora, neste ensino, de formas e técnicas elaboradas con excelente perfección, a partires dos poetas latinos. Díaz Castro estaba asimilando outra das características, que definirían despois a súa poesía de plenitude: o clasicismo, o humanismo, o neovirxilianismo. 


Os seus compañeiros das clases de Retórica e Poética, -e todos os alumnos do centro-,  marabillábanse coa arte declamatoria do de Parga. Era unha das intervencións literarias máis desexada das celebracións académicas, a pesares da súa timidez. “Vimos inmediatamente en Díaz Castro o alumno brillante, cunha grande sensibilidade estética, que despertou a nosa unánime admiración e a quen queríamos parecernos. Moitos, na nosa inxenuidade infantil, preguntabámonos cal era o segredo de tal excelencia e mesmo chegabamos a pensar que, co tempo e co estudio, quizais o igualaríamos; outros, máis escépticos ou quizabes, máis realistas, opinaban que esa era un don das Musas, que elas reparten ós seus elixidos… Cando nos enteramos, moi axiña, de que Díaz Castro, o noso compañeiro de clases, escribía versos, como diciamos na nosa lenguaxe escolar, a merecida aureola que lle fixeramos escoitando as súas intervencións nas clases, gañou brillantez ó coñecer esta nova faceta da súa gran personalidade. Eu sentíame moi orgulloso de ser seu condiscípulo, miraba con atención á ventá do cuarto que ocupaba na ala este, que daba ó patio interior do Seminario e, cando o vía vestido de roupón pardo e beca vermella saír de paseo, mostrábao ós compañeiros e ós amigos. Aqueles eran os ídolos forxados pola nosa imaxinación infantil cos que moito desexabamos identificarnos… Díaz Castro foi, durante algún tempo, a máxima figura literaria do Seminario, sucedendo nese “liderádego” ao outro egrexio poeta Iglesia Alvariño, que tamén se alimentara dos clásicos gregos e latinos naquelas aulas. A miña admiración polo brillante condiscípulo non fixo máis que ir en aumento ó coñece-la obra do poeta maduro, que sentía fondo, pensaba alto e falaba claro…” .


As relacións deste alumno, un gran latinista dende moi novo, co coengo Fanego, mantivéronse sempre. Mandoulle, cunhas letras garimosas, algún traballo seu, coma o "Carmen Allegoricum" (1945), ou a dedicatoria en latín que lle fai a Álvaro Cunqueiro, cando recibe o Premio Nadal en 1969. Tamén, cando Díaz Castro foi premiado nos Xogos Florais de Betanzos (1946), dedícalle unha información en El Ideal Gallego, quizais o xornal máis importante de Galiza naquel intre.


E coma adoitan facer agora, os que colaboran nesta revista, Díaz Castro recollía ditos, refráns, etc., nas súas vacacións. Algo común a Noriega e Iglesia Alvariño, cando percorrían o seu eido brañego. E coma acontece con Díaz Castro, o autor de “A lingua dos poetas do Norte da provincia de Lugo”, tamén deixou investigacións sobre a fala, aínda inéditas.

Álvaro Cunqueiro, co gallo do pasamento de Francisco Fanego, escribiu en Destino:  “Por las abiertas ventanas de la cátedra llegaba el latín a los artesanos y labriegos, quienes callaron. Por segunda vez, la voz del maestro Fanego gritó la frase:


  - conscendere navibus aequor!

Y explicò:


  - ¡Virgiliano! Embarcarse. Hacerse a la vela! Salir en las naves a la mar!"  (o 30 de xullo de 1974). 


Cunqueiro, segundo o cronista de Mondoñedo, Díaz Jácome, nunha conferencia en Luarca, era o xerme de tanta fervenza cultural: “Con el a la cabeza, unos amigos formábamos un grupo literario que había de tener un eco positivo y alentador en la ciudad, en la provincia también y en Galicia: Raimundo Aguiar, Bernardino Vidarte, José Ramón Santeiro, Iglesia Alvariño, Díaz Castro... Todos animábamos el ambiente cultural de Mondoñedo con nuestras inquietudes, alimentadas principalmente por la mente iluminada de Cunqueiro” .

Si no seu Vilariño escribira poesía en castelán (aos oito ou dez anos), as primixenias. Agora, no Seminario, versificaba en galego, tamén en latín. Pero, o primeiro poema que deu a coñecer en letras de molde, sería en castelán, nunha revista editada en Lleida, Lluvia de rosas, cando levaba pouco máis dun ano en Mondoñedo. En maio de 1931 (nº 96) publica "A Santa Teresita del Niño Jesús. Toma mi corazón", cando tiña 16 anos. Dedicado a Santa Tareixa de Lisieux. a atracción máis grande do seu afervoado santoral, durante toda a vida (ata que entrou en agonía na noite da festa desta santa, a véspera da súa morte). Compartía esta devoción co amigo Iglesia Alvariño, que tamén dedicou varios poemas á santa francesa. No 1929, recén chegado Díaz Castro ao Seminario, Aquilino gaña en Barcelona o seu primeiro premio literario cun poema a Tareixa de Lisieux, e no ano seguinte, edita en Señardá: “O sono de Teresita de Lisieux”.  Ámbolos dous amigos gustan de participar nos certames de índole relixiosa que tanto abundaban naquel tempo.


Xa abrolla a relación luz/noite, unha das chaves de interpretación de toda a poesía diazcastriana, que nos fai lembrar as súas lecturas do cume da mística castelá, dende moi novo.