- Reseñas e achegas biográficas
- Díaz Castro no Seminario de Mondoñedo
- Díaz Castro, traductor
- Palabras de Díaz Castro, no seu recital de poesía en Guitiríz e outros textos
- Comentarios e achegas ó seu libro Nimbos
- O enterro
- Relación de Díaz Castro con outros escritores
- Poemas dedicados a Díaz Castro
- Díaz Castro nas artes plásticas
- Banda deseñada da vida de Díaz Castro
 

       

UXÍO NOVONEYRA dende a súa relación con Díaz Castro.

O poeta de Guitiriz, polo seu carácter retraído e pola estadía alongada en Madrid, non tivo moita comunicación co mundo literario. Aínda que hai sinais evidentes dun fluxo cómplice entre el, e o autor homenaxeado na Festa das Nosas Letras, no 2010. Son varias as perspectivas dende as que podemos afrontar esta relación entre o poeta das Terras de Parga, que dá nome ó noso IES, e o bardo do Courel.

                                                     ***********

Coñecéronse en Madrid, a principios dos 50, nalgún encontro breve e esporádico. Os dous arribaron á capital no 1948, pero en idades ben diferentes. Díaz Castro estaba a asentar o seu futuro profesional. Uxío mergullábase en toda aquela fervenza de actividades e vangardas que emerxían decote na capital, sen perder un paso.

 Os tempos de Madrid

Novoneyra estivo dúas tempadas na cidade, en 1948-1951, e volveu no 1962-66. Neste tempo, a solidariedade que marcou a vida do poeta, estalou nun clamor pola liberdade. Traballaba na radio e na televisión estatais, en programas culturais, sufrindo os rigores da censura da ditadura, o que provocou nel uns poemas cunha forte carga de rebeldía. Liberábase daquel cerco de opresións, co manancial de creatividade e liberdade que era o grupo Brais Pinto, integrado por escritores e creadores galegos: Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Raimundo Patiño…

Díaz Castro, unhas 4 décadas en Madrid, só tivo pequenos contactos con este colectivo innovador, a excepción dalgún recital de poesía convocado por Ben-cho-shey, no Centro Galego. Novoneyra recitaba en espazos universitarios. O poeta de Guitiriz estaba totalmente centrado no seu traballo de tradutor, día e noite, coa mínima vida social e cultural. Na poesía seguía traballando e depurando o que ía ser Nimbos..

Novoneyra, ó remate da estadia en Madrid  recolle en  Elexías do Courel e outros poemas, versos de varios anos. Unha edición galego-castelán, estruturada en tres partes: Elexías do Courel (1958-61), Primera verdad y tiempo con nombres (1953-57) e Elegías de Madrid (1962-65). Reeditada, con variacións e novos poemas (1991), coma Tempo de elexía. Unha poesía máis existencialista e de sensibilidade social ca Os eidos.

Despois desta 2ª etapa madrileña, onde actualizou e proxectou toda aquela bagaxe dos seus tempos en Compostela (1952), rente Carlos Maside, no servizo militar, cunha ética e radicalidade exemplar, loitando polas causas libradoras dos pobos, volve ó Courel para atender ós pais enfermos. A vivenza intensa da problemática política, destes anos, arreo na clandestinidade, vai abrollar na literatura social do novo período na aldea. Arredor da data significativa do 1968 na historia das ideas, Novoneyra dá a coñecer dous poemas decisivos: “Vietnam Canto”, reflexo da loita contra o imperialismo devastador, e “Letanía de Galicia”, de forte raigame nacionalista. Prohibida tres veces pola censura, foi editada nunha orla con debuxos de Castelao, e despois en Os Eidos II, no 1974. A palabra do poeta convertese na arma máis directa contra os atentados á liberdade, no franquismo e no mundo. Xa non é a lírica intimista das elexías.

Dentro das recompilacións de poemas anteriores que Uxío gustaba de facer, Do Courel a Compostela: 1956-1986 (1988), vai ser reflexo desta poesía liberadora, cun forte calado de evocación política.    

Bebendo dos poetas chairegos

Uxío nacera no Courel montesío (1930). Coma Díaz Castro, fillo de familia labrega acomodada. Estudou bacharelato en Lugo, onde se atopou con Manuel María, que o introduciu na literatura de Noriega e Crecente Vega, os dous chairegos que tamén iniciaron a biblioteca que Díaz Castro empezou a facer no Seminario de Mondoñedo..

Ös 19 anos vai a Madrid, para facer Filosofía e Letras. Díaz Castro tamén se matricularía, anos despois, no Instituto de Idiomas desa facultade. Os dous coma oíntes.

A primeira remesa de versos que Uxío enviou a Díaz Castro, aínda eran dos primeiros que el construíra en castelán. E o de Parga, cun xesto estraño nel, pois sempre adoitaba escribir en galego, a calquera paisano, celebra Os eidos: “Fue para mi un fenómeno inesperado. Despues de haber leido en Madrid algunos de tus poemas castellanos, me sorprendió francamente tu cambio de idioma, de temática, y hasta –casi- de enfoque mental de la realidad”. Estaba a subliñar a hora venturosa na que Novoneyra se recoñece na patria da lingua e da Terra, para sempre xamais.

Os dous poetas escribiron en castelán, sobre todo na dura posguerra, e deixaron inéditos neste idioma, porque optaron por ser escritores só en galego. Decisión tomada por Uxio, no 1952, cando fica definitivamente no seu compromiso ó abeiro dos mestres de Santiago, e traballa no corazón de Os eidos.

1952: un ano decisivo

Neste ano, de volta de Madrid, na milicia en Santiago, xunto con Manuel María, Uxío recoñecese no idioma da infancia, e sente a patria con paixón. A comunicación cotiá con Otero Pedrayo, Piñeiro, e sobre todo, Carlos Maside, ían darlle azos na entrega ao país.

Foi un ano tamén crucial para Díaz Castro. Principia a traballar no Instituto de Cultura Hispánica, e abandona en parte as traducións literarias e a creación, para centrarse en traballos profesionais, en versións científicas, tecnolóxicas, etc.  Os dous cadran na afección á lectura de poesía escandinava, francesa, inglesa…, tamén das letras clásicas. O poeta tradutor nos textos orixinais que estudaba con tesón, o poeta courelán, gran lector, nas traducións. Uxíu pasaba moito tempo nas bibliotecas, e chegou a ser un gran coñecedor das literaturas. 

Xa en posteriores conversas, anos adiante, sen dúbida, que o poeta de Guitiriz, espertaría en Novoneyra, lembranzas pasadas. E falaríalle do tempo que compartiu con Manuel María, no campamento militar de Santa Cruz de Parga, polo 1952. Ambos naceran á amizade cando estudaban en Lugo, e agora cadran en Guitiriz, antes de proseguir co servizo militar en Compostela. Uns meses en Santiago, fundamentais para Manuel María e Novoneyra. Alí participan das tertulias do Café Español, cos galeguistas… Pero ía ser Carlos Maside, o mestre que os ía abrir á ideoloxía marxista, nun sentido amplo. Rematada a mili, volve ó Courel para curarse do mal que contraera no cuartel, anos de enfermidade e convalecencia, ata o 1962, 2ª etapa en Madrid. Na soidade da serra, estaban a abrollar Os eidos, que non farían máis ca medrar ata a edición de 1981.

Xa no barullo da capital, Díaz Castro sentiría con Novoneyra a nostalxia daquela paisaxe da súa mocidade. Ambos os dous, levaban no corazón a forza da Terra.

Manuel María, emocionabase, lembrando como recitaba con Novoneyra, os poemas de Noriega, nos penedos do Castelo de Santa Cruz, con voz alta e forte, para rachar o confinamento que esmagaba a súa sensibilidade. Xa no bacharelato en Lugo, el mesmo lle suxerira a lectura de Noriega, un dos poetas preferidos do autor de Os eidos. Sería Novoneyra, un dos primeiros en comunicar ó chairego, a súa devoción por Díaz Castro.

Entrementres, Ramón Piñeiro, que ía ser o prologuista do primeiro libro, que xa escribira en 1952-53, cartéase cos dous poetas, animandoos a publicar. De feito na correspondencia dos xestores de Galaxia, descubrimos coma nos seus cimentos, querían sacar unha colección de poesía, na que o 1º volume fose un poemario de Novoneyra, e o 2º de Díaz Castro. Este era vagaroso para asumir esta teima do coordinador da editorial.  O Día da Patria de 1955, Novoneyra recibiu o primeiro exemplar, tal como recolle nun poema enviado a Xermolos, para un libro-homenaxe a Manuel María.

Os eidos van ser o xorne da lirica novoneyriana. A obra posterior van ser novas vagas dunha mesma fonte estética e temática, que van ampliar o mesmo espectro. Ó revés de Díaz Castro, que depurou os seus versos ata concentralos en Nimbos, e aí resolveu a súa ofrenda poética, nun xesto decisivo, Novoneyra vai seguir afondando no mesmo manancial, cada volta con máis enerxía. Endexamais daba por pechada unha obra, sempre estaba aberto á novas revisións e dádivas.

No 1974 publica Os eidos 2, a recolleita dos versos seguintes ó libro anterior (de 1954-57), xa con contido político, froito do tempo en Santiago.

Hai unha constante na poética dos dous: ficar na Terra de un, para promocionala ata un horizonte estético sublime, no tratamento da paisaxe, a cultura labrega, a lingua, sen allearse, convertendo a fala do berce nunha calidade literaria sobrecolledora.

Díaz Castro era un mestre na métrica. Novoneyra fica a súa tensión poética no son que producen as palabras coas que constrúe a expresión estética.

                                              

A comunicación literaria

Pero, sen dúbida, foi moito máis intensa, a comunicación de sesgo literario, ca relación persoal, mantida entre os dous autores, que daquela estaban a enxergar as súas primeiras publicacións, dende a raíz emocional das súas escritas.

Os dous gustaban de concentrar en composicións breves, toda a densidade da súa inspiración e mensaxe. Díaz Castro coñecíaos coma “poemas mínimos”, a sección dunha recolleita inédita.

Novoneyra sentía predilección pola obra diazcastriana. Tiña unha especial querencia polo seu “Monumento a ausencia”. Gustaba de recitalo coa enerxía e sentimento que lle imprimía a toda poesía. Sabíao de memoria. Díaz Castro, o día da súa homenaxe en Guitiriz, tamén comentaba que se emocionaba, cando o escoitaba recitar con aquel sentimento rexo, pois era un gran dicidor, coma gustaba chamarse. Tamén neste campo houbo unha diferenza abismal, Díaz Castro refugaba os recitais e intervencións públicas. Os dous estreáronse en Madrid, pero o chairego só repetiría outro nos locais de Xermolos, e Novoneyra multiplicariase por todo o pais coa arte que o caracterizaba.

Xa no verán de 1959, a revista Insula (nº 152-153) dedica un número á realidade literaria de Galicia, no que aparece todo o "universo" das nosas letras, entre eles, Novoneyra e Díaz Castro, que asemade remite o seu "Monumento á ausencia". Piñeiro recolle o material, e vai entregalo a Madrid, onde coñece fisicamente a Díaz Castro, co que mantivera correspondencia e do que tiña falado a cotío con Novoneyra… Xa apareceran na Escolma de Fernández del Riego (1955), decisiva para espallalos.

O creador de Os eidos, endexamais disimulaba esta predilección literaria, quizais, por

iso, foi o encargado de facer a escolla dos versos de Díaz Castro, para a antoloxía de Miguel González Garcés, Poesía Gallega de Posguerra (1939-1975) que é unha achega bilingüe editada no Castro (1976), e que no 1º volume contén seis poemas de Nimbos.

Tamén os dous vates cadran no amor a Betanzos. Díaz Castro non se prodiga en versos dedicados a lugares, a excepción dos Xogos Frorais de Betanzos. No 1946, cando Novoneyra principiaba a versificar, aquel era agasallado neste certame, polos sonetos “Nascida dun soño. Triptico á groria da betanceira”. E “El cántico de la cuidad”, en castelán, un himno ó Betanzos de sempre. Tamén no que chamo “Terceiro caderno”, inédito, hai a sección “Lugares” (Lugo, Terra Chá, Madrid, Betanzos e Donosti, a terra da súa dona), a rota literaria da súa vida.

Novoneyra en Os eidos, xa encarta o poema “Caneiros”, pero vai ser Betanzos: poema dos caneiros (1997), o que probe con máis forza a súa querenza pola cidade. O mesmo co que principiou o libro de temática amorosa Muller para lonxe.

A paixón telúrica

Outro camiño no que imos introducirnos, é a orientación telúrica de sendas poesías: a paixón pola paisaxe, a lingua, as esencias do pobo… Os críticos literarios sitúanos na CORRENTE PAISAXISTICA, debedores de Iglesia Alvariño, Noriega, etc. Na aparición de Nimbos (1961) e Os Eidos (1955), xeráronse comparacións, así Ramón Lugrís, Ramón Piñeiro, Ánxel Fole, Xosé L. Franco Grande ou Basilio Losada… Hai que advertir que Nimbos foi o único libro editado, e o Poeta do Courel ía agasallarnos con moita obra, que non fixo máis que agrandar a súa excelencia literaria. Estamos nas décadas dos 60-70, cando os comentaristas están a ler e saborear a primeira escrita.

Hai puntos de referencia comúns, coma son o aprezo polos clásicos Horacio e Virxilio…, que mesmo colgaban en sendos cadros, no dormitorio de Novoneyra, e que Díaz Castro trataba coa mesma familiaridade nas súas lecturas e traducións cotiás.

Os dous estimaban dun xeito senlleiro a Rosalía de Castro, á que lle dedicaron cadanseu poema.

Mantiñan unha distancia crítica coas normativas, obrigadas polas institucións, e unha estima, a toda proba, polo idioma da comarca de cadaquén. Fronte á riqueza toponímica de Novoneyra, Díaz Castro é parco no uso de localizacións toponímicas. Abstrae nunha ensoñación senlleira a súa vivenza da paisaxe máis próxima

Ambos foron moi amigos de Manuel María, aínda que en treitos diferentes das súas

traxectorias. Coma o de Parga evoca a natureza, pero non dun xeito illado, sempre no contexto comunal, coma el vive a patria. Considera á persoa, desenvolvéndose nela, na que está a crear vencellos de solidariedade.

 

                                                           ***********

Sen esquecernos da data dos comentarios que seguen, imos, referirnos a eles: .

 

a)      Ramón Lugrís, xornalista, xa compartira con Piñeiro a lectura de Nimbos, días antes deste artigo: “O de Díaz Castro xa o lín ben lido, i heille dar outro repaso. Góstame moitísimo… É un libro que eu agardaba con moita ilusión, porque lembraba os poucos poemas de Castro que hai na Escolma, e que xa temos comentado ti e máis eu. Qué ben escribe! E como quence o esprito! É un poeta cheo de amor po-las cousas; cheo dun amor humán. O Novoneyra deixaba falar ás cousas “de seu”, sin lles tocar. O Castro dálles contido humán sin as adulterar… Préstalle ao esprito lér un poeta como Castro, non sí?” (2-X-1961).

Acerta Lugrís, Novoneyra toca as cousas co seu canto, en Os eidos, pero despois farase máis intimista, e transmitirá con máis luz o seu propio eu poético. Aínda non se coñecían Elexías do Courel. Nestes versos, coma o de Guitiriz, vai transcender as cousas. No senso máis humano, proxéctaas, mesmo afrontando o drama cheo de emoción que é a morte.

b)      Ramón Piñeiro quere editar Nimbos, en Galaxia, despois dos libros de Pimentel, Guerra da Cal e Manuel Antonio. Dende Madrid, era Novoneyra, un dos que máis información lle achegaba sobre o autor de Guitiriz. Nunha carta de Piñeiro a Fernández del Riego (9-X-1956) reflicte isto: “A carta que recibiche de Díaz Castro é ben interesante. Penso que non hai inconveniente en que tarde en nos mandar o libro, pois entremedias metemos o de Pimentel. Dese xeito incorporamos tres poetas valiosos. Xa coñecía o xuicio de Díaz Castro sobre Os eidos por unha carta que lle escribiu a Novoneyra, que lle enviou o libro por mandado meu” (Fernández del Riego, Un Epistolario de Ramón Piñeiro). Novoneyra era o poeta mimado polos de Galaxia, como demostra Piñeiro no prólogo de Os eidos. Despois ía haber un distanciamento.

 

c)      Anxel Fole nun dos seus habituais en Faro de Vigo (17-XII-1961) comenta a edición dos tres libros: “Los tres exentos, personales, originales; pero afortunadamente coincidentes en algo tan notorio como interesante. Ninguno de ellos es poeta de modas, cantor de discos líricos. Aunque Novoneyra y Díaz Castro evidencien muchas mas coincidencias entre si que cualquiera de ellos con el autor de Triscos. La analogía, verdaderamente, lo es de aquellos. En los que se da una sobriedad formal que no llega a la pauperidad pimentaliana. Los tres son poetas sin literatura, al margen de tendencias o escuelas… Ninguno de ellos es poeta de revista de versos. Voz propia y canto propio. Su ausencia de “ismos”, modas y escuelas les garantiza mejor la pervivencia. El cántico de Díaz Castro, como el de Novoneyra es amplio, sereno y bien entonado. Huele a tierra húmeda, a agua de río, a plantas del monte… Es este un poeta de “tiempo”, línea musical e intimidad. Al tiempo lo ve siempre en paisaje, con sus lluvias, vientos y nubes. Cosmicamente, meteorológicamente”.

Fole captou a esencia da poesía de Novoneyra, un autor que a través da palabra transmite un son, unhas formas, un recendo a terra humida…, coma se expresou no poema “fonosimbolismo”. Froito da súa sensibilidade fixo súa toda a natureza. Estaba feito da Terra do Courel. Afeito a escoitar a música dos ourizos, abríndose e caendo no chan, ou as pisadas graves do lobo na serra, enseñorándose da contorna. Díaz Castro non utiliza con tanta frecuencia este recurso, pero vibramos co “remuíño” da Ponte Arxá, no ”vai-ven”, do inverno á primavera…       

Díaz Castro, pouco amigo de facer poesía de circunstancias, ou por encarga, dedícalle un dos derradeiros poemas “In memoriam de Ánxo Fole” (1986), nunha homenaxe de Lugo. Novoneyra tamén agasallou coa amizade e a palabra dende a tertulia do Méndez Núñez, a un autor que tamén se recreou no Courel..

d)     Ata historiadores das nosas letras coma o profesor Basilio Losada, marcan concomitancias no tratamento da paisaxe humanizada: "Los dos poetas más notables de esta linea de poesía humanista, dejando aparte a Iglesia Alvariño, son Xosé María Díaz Castro y Uxío Novoneira. Aunque Novoneira es caso aparte…, si bien tiene en común con esta escuela su visión del paisaje y el sentimiento de la soledad, paisaje y soledad se expresan en sus versos con caracteristicas muy personales, sin halago ritmico, con una angustiosa sobriedad" (Los Gallegos, Madrid 1976, p. 297). 

e)      Un estudoso de Nimbos e tamén da primeira poesía de Novoneyra, X. L. Franco Grande anotou en Grial: "Toda a poesía de Díaz Castro está nimbada por unha serena e fonda paixón telúrica: a terra é nela un elemento constante, sempre presente, xa sexa directamente expresado ou, na maioría dos casos, sinxelamente insinuado. Non é un poeta descritivo, como outros poetas lugueses (Noriega, Iglesia Alvariño, Crecente Vega, Novoneira), senón un poeta que xurde de unha terra que nel se volve un mito, un elemento de continua referencia e celme permanente da súa poesía…". Franco Grande dedica a Novoneyra valiosas referencias no seu libro de memorias Os anos escuros.

 

Novoneyra, unha vez que morreron os seus pais, viviu entre o Courel e Lugo, e xa nos 80, dedica o seu tempo a facer unha nova recompilación da obra anterior, ampliada e revisada. No 1981, Xerais publica Os eidos. Libro do Courel, que inaugura a Colección Grandes Mestres, que reúne Os Eidos e Os Eidos II. Novamente, poemas depurados e recolocados. Reditados no 85, conteñen un vocabulario do autor, do seu léxico do Courel. Algo que tamén introduce Díaz Castro en Nimbos, fieis ó idioma do berce, reacios aos corsés que queren impor as normativas oficiais.

Un ano despois ofrece a colleita de poemas paixonais e de amor: Muller pra lonxe (1955-1985). Trinta anos de creación.

 

No treito final

Dende o 1983, Uxío reside en Compostela coa súa familia. Un ano despois de ser nomeado, Presidente da Asociación de Escritores Galegos.

Novoneyra viaxou a Guitiriz, para a homenaxe a Díaz Castro, organizada por Xermolos. Foi o encargado de facer o recital de Nimbos, asistido por ducias de escritoras e escritores. A maioría, como dicía Manuel María, era a primeira vez que contemplaban debidamente a Díaz Castro. Naquela xeira, a nosa cultura estaba representada por Novoneyra, presidente da AELG, e o seu secretario, Xosé María Dobarro, e Ramón Piñeiro, o presidente do Consello da Cultura.

Novoneyra collera con interese esta iniciativa, que deixou coma testemuña. Méndez Ferrín acreditou nel este entusiasmo: “Que os amigos de Guitiriz nos convoquen a escribir sobre Xosé María Díaz Castro, é un xesto que equival a erguer un bosco de bandeiras. Esto derradeiro deciamo o Novoneyra”.

O libro foi presentado en Compostela (1988), por Carballo Calero, coa asistencia, entre outros de Novoneyra, que viña de ser reelixido, por outro período, Presidente da AELG, Ramón Piñeiro, Luís Cordeiro, Vicepresidente do Parlamento…, na foto conversando co profesor.

Foi un ano no que o escritor courelao disfrutou do recoñecemento da súa obra noutros países. Os eidos son traducidos ó euskera, igual ca ó inglés, alemán, francés, catalán, etc. Algo do que gozaba Díaz Castro, polo amor ós idiomas e ó oficio de tradutor.

Foi tal a xenerosidade de Novoneyra, con este recoñecemento ó seu amigo, que quixo deseñar a identidade e título do homenaxeado, para a portada do libro, dun xeito caligráfico, coma el adoitaba a miúdo, e tal como se conserva na Casa das Palabras de Guitiriz. Esta achega mandóuselle a Francisco Mantecón, maquetador da obra, que preferiu a súa caligrafía vermella sobre fondo dourado, para honrar a un clásico, que coma dicía, merecía a cor de plenitude. Novoneyra tamén entregou a Xermolos, unha dedicación caligráfica de “Monumento a ausencia”, que é a portada desta revista.

Xa no 1979, publicara Poemas caligráficos, dentro do movemento Brais Pinto, que son unha mostra de estética literaria e gráfica, que sempre acompañou a súa expresión artística, renovadora da nosa poesía.

Nesta efeméride ofreceu o poema "Homenaxe a Díaz Castro", asinado o 20 de santos de 1987, e despois, encartado na escolma: Poemas da doada certeza i Este brillo premido entre as pálpebras (1994).con variantes e nova redacción. Xosé Lois García, amigo e biógrafo, conta como nun encontro en Lugo, coa súa dona, Teresa, o poeta recitoulles “Monumento á ausencia”: “falamos de poesía e de súpeto falou de Díaz Castro. Novoneyra tiña paixón polo poema “Monumento á ausencia”. Sobre todo pola descrición que facía do emigrante que se encontraba de novo coa súa terra nativa. Ante aquela voz opulenta e engaioladora, con piropos vibrantes e con lentas xesticulacións, a Teresa botouse a chorar. Os camareiros desde lonxe ollaban o panorama, coidando que se trataba dun pai liorteiro que reprendía a súa filla. Despois de recitalo veu a explicación do poema, e cando os camareiros o viron sorrir non entendían nada do que pasaba naquela mesa. A Novoneyra tamén lle impactou a actitude da Teresa e nun dos poemas que escribiu en Poemas de doada certeza, dedicado a Xosé María Díaz Castro, menciona aquel encontro con ela, nestes ultimos versos do devandito poema:

                        “diante o que eu vin chorar como sempre choraron as mulleres

                        A moza emigrante que se fora de nena tamén se fora.

A partida e a volta co mesmo corazón”.

Este encontro e acontecemento, escribiuno en dedicatoria caligráfica, no libro Poemas caligráficos, di así: Anaco de poema de X. María Díaz Castro Monumento á ausencia para María Teresa que tanto o sentiu. O resto desa páxina destinouno a escribir parte do poema de Díaz Castro” (Uxío Novoneyra. Revisitado, pp.90-91)

 

A derradeira viaxe que fixeron xuntos, foi ata o cemiterio de Guitiriz, o día 3 de outubro de 1990. Novoneyra foi un dos que levou o cadaleito de Díaz Castro, xunto con Manuel María, Fernán-Vello, Darío Xohán Cabana, Paco Martín, Luís González Tosar…

Neste ano, Claudio Rodriguez Fer e Carmen Blanco coordinan unha nova edición de Os Eidos. Ambos tiñan feito achegas investigadoras da poesía de Díaz Castro, e foron dos últimos en velo con vida, ante de morrer, no Hospital de Lugo.

Coma coroa de loureiro nesta Festa das Nosas Letras,  sentimos estes versos, que son unha ensoñación dun dos pensamentos-eixe de Novoneyra: “residimos tanto na Lingua como na Terra”. No libro de conversas Dos soños teimosos (1998) desenvolve esta idea forza de toda a súa vida e escrita.

HOMENAXE A DIAZ CASTRO

                                   XA a edade é un vértigo

                                   i o pasado non encorga senón que traga os días com´a cova no río

nin toda a gracia o parará

                                   nin a mesma Poesía

                                   o Amor a Mocedade nin a Infancia gardadas

                                   nin siquera ter levantado o monumento

                                   do neno que parte /Trasparga a pleno vrao/

                                   diante o que eu vin chorar como sempre choraron as mulleres

                                   a moza emigrante que se fora de nena tamén

                                   se fora

(Monumento á Ausencia)

A ausencia i a volta co msmo corazón

(Ouh Terra Verde e Mar de Orvallo)

Anque caia o Monumento á Ausencia

                                   ti quedarás como todos quedaremos pois xa estamos na Lingua

                                   con tódolos rostros do noso pobo cada un co seu xeito

                                   que se animan e volven cando falamos

como agora.

Compostela, 20 santos 1987

Os títulos entre paréntesis corresponden a dous poemas de Nimbos.

 

Mentres agardamos a celebración da Festa das Nosas Letras dedicada a Xosé M. Díaz Castro, disfrutamos da súa obra. Novoneyra foi dando a luz outras dádivas, sobre todo da chamada literatura infantil. No mesmo ano da morte do poeta de Guitiriz, escribiu O cubil do xabarín, o primeiro libro en prosa, tamén auspiciado pola identidade courelana. Despois, no mesmo xénero, Gorgorín e Cabezón (1992), Ilda, o corzo, o lobo e o xabarín (1998).

Deixounos o 30 de outubro de 1999, e foi soterrado na tarde de Santos, no Cemiterio de San Froilán de Lugo, despois de ser velado no Panteón de Galegos Ilustres de Compostela.  Nese ano deuse a coñecer Arrodeos e desvíos do Camiño de Santiago e outras rotas. Unha loa a todos os camiños que permiten a traxectoria humana, dende aqueles carreiros da Serra do Courel que tanto saben da existencia do poeta, e que gardan para sempre os seus segredos e tesouros.

Alfonso Blanco Torrado