Nestes días está á exposición pública o cambio de nomes de moitas rúas das vilas de Guitiriz e Parga. Un dos nomes propostos é o de RÚA XERMOLOS, outro coma o de POETA DÍAZ CASTRO xa foi solicitado ó concello por esta asociación hai moitos anos.

Agradecemos dende aquí á corporación municipal e á comisión que traballou neste tema esta decisión. Honranos que esta rúa parta da Praza do Curro Vello, corazón do antigo Guitiriz e que coma un libro aberto nos vaia ensinando a harmonía entre o Guitiriz rural e o urbano, sen saltos.

rua_xermolosCada trazo de Guitiriz ten a súa historia, a Rúa Xermolos leva marcadas no seu nacemento e crecemento: as raíces labregas da nosa vila pero tamén fitos importantes na súa historia e economía, como é no seu outro extremo a Estación do tren que tanta vida trouxo para esta comarca e foi un fervedeiro de xente durante décadas ou o Hotel Tomé, testemuña dun século de historia local e comarcal.

O Curro Vello non só conserva a súa festa, ten unha identidade propia e diferenciada dentro da vila de Guitiriz, un sentido de facer pobo e vivir entre os veciños que imprime carácter a este sector da poboación. Caracterizanse os cidadáns deste recanto por unha forte comunión e amizade entre eles, máis intensa que noutros espacios de Guitiriz, tamén pola súa ledicia de vivir e compartir o camiño da vida cada xornada. Os que sentimos nosa a creación de Xermolos temos unha grande ledicia porque estes representantes do concello nos unisen para sempre con estes veciños que gardan, xeración tras xeración, as esencias do noso pobo.

Nas súas orixes Xermolos era coñecido coma os do "POBO", e sentímonos agora identificados cas mulleres e homes que foron trazando esta vía de comunicación que nos vai levando, por unha banda a esa especie de outeiro que é o Curro Vello e por outra banda a esa Estación que trouxo e queremos que siga traendo esas riadas de xente, parada e fonda nesta vila acolledora que é Guitiriz. Hoteis e pensións que acobillaron miles de persoas hai anos: coma o Bergantiños ou o Tomé. Foi facendose dun xeito serpenteante como é tamén o traxecto de Xermolos na busca dunha mellor calidade de vida, axeitandose ela ás terras que vai bicando e a asociación xermolando cada xeira novos froitos agardando a seitura.

As persoas integradas en Xermolos nestes anos están orgullosos deste recoñecemento ó noso colectivo, varias e varios deles viven nesta rúa. Pensamos que tamén é outro milagre dun dos animadores de Xermolos nos seus primeiros anos, o creador Quique Roca Amenedo, que nos deixou moi novo en Italia, que vivia cos seus pais nesta rúa e que agora sigue con nós, complacido, viaxando, coma a el lle gustaba, por ese outro camiño que é o das estrelas que nos alumean todos os días.

Mesmo a palabra Xermolos ten unha orixe labrega, ligada á natureza, somos os xermolos das nosas plantas e froitas.