25 anos do Casón

 

  O sábado 12 de xaneiro presentouse na Casa Habanera de Guitiriz a  revista, e  o vídeo

  O Casón 25 anos despois

Portada revista Casón

O Casón

 

 

 

 

 

 

 

 O vídeo resume en 20 minutos o  accidente do Casón no 1987.

 Centrado sobre todo na loita que mantiveron os veciños  e as 

veciñas de Guitiriz Diante dunha ameaza contaminante.         

Ver o vídeo 

  Esta revista é unha reedición ampliada da que se publicou no ano 1988

  coincidindo co primeiro aniversario  do paso do Casón por Guitiriz

  Ver o Pdf

Alfonso Blanco


Nese mesmo acto nomeose a Alfonso Blanco 

veciño necesario desta comarca

 

Alfonso Blanco, un imprescindíbel

Seguindo a taxonomía de Bertolt Brecht, que clasifica os homes en bos, mellores, moi bos e imprescindíbeis, segundo que loiten un día, un ano, moitos anos ou toda a vida, coido que non esaxero se digo que Alfonso Blanco Torrado pertence aos últimos, aos que loitan toda a vida, aos imprescindíbeis. Iso recoñece, sen dúbida, o nomeamento de Veciño Necesario da Nosa Comarca. Porque, amigas e amigos, tan válida como hai 25 anos é hoxe a súa coraxe.  O seu exercicio do sacerdocio, entendido como servizo á comunidade, é especialmente valioso en épocas difíciles.

 Hoxe coma onte segue a ser necesario un auténtico dispositivo de goberno con capacidade de decisión en caso de catástrofes como a do Casón, ou moitas outras, difíciles de borrar da memoria, que demostran que non aprendemos nada. Sempre expostos, polas características e extensión das nosas costas, faría falta unha consellaría dedicada exclusivamente ao coidado do mar, con expertos,  competencias e poder de decisión. Hoxe, 25 anos despois, seguimos a reclamar unha lexislación europea que protexa as nosas costas. É un dereito de todos os pobos do mundo dispoñer de elementos institucionais e económicos que lles permitan gobernarse.25 anos Casón

 Cando isto falla, xorde a forza do pobo, como un encoro que rebenta,  e é preciso que alguén o canalice, que alguén controle e alente a loita, que non violencia, contra o desgoberno. Ese alguén en Guitiriz foi Alfonso Blanco. E o “non pasarán” aos bidóns deste concello serviunos seguramente ás persoas que na Mariña nos opuxemos a que os levasen ao porto de Alúmina – Aluminio, cos resultados que xa coñecen: paralización da fábrica e despedimento de todo o comité de empresa.  Eu vin cos meus ollos como atrancaban con camións as entradas da fábrica por orde do director da mesma, mais pagaron os que pagaron. El lavou as mans coma Pilatos. Tamén recordo a saída dun barco sobrecargado polo peso dos bidóns, que semellaba que ía afundir. E non esquecerei a resposta dun ecoloxista, candidato polo Partido dos Verdes, a quen me pediron que telefonase, negándose a calquera apoio.

Nestes momentos en que está tan desacreditada a política, convén dicir que tanto  aquela actuación de hai 25 anos, como a súa recordanza e a homenaxe a Alfonso, son actos políticos porque axudan a construír pobo e iso é, xustamente, o que ten que ser a política.

As loitas dos Irmandiños, no século XV, tamén foron política por máis que as institucións de poder estivesen noutras mans. O escritor Méndez Ferrín, nun fermoso poema dedicado a un dos  capitáns do pobo,  di: “Eu chamo por Roi Xordo, compañeiro da xente”.  Nós chamamos por Alfonso Branco, compañeiro da xente.

Por iso, por todo, que Deus o garde moitos anos.  Alfonso, o noso Veciño Necesario.

                                                                                                                Marica Campo   Guitiriz, 12-1-2013