Imprimir

Premio do II Certame Terra Chá de Narrativa Curta, convocado polo Concello de Guitiriz e a Asociación Cultural Xermolos

Estimada e querida Rosario:

Fai hoxe dous meses que tiven que abandonar as cousas que eu máis aprecio, quero e amo, como ti e a miña terra.

Naquel momento non che comentei os motivos ós que se debía a miña partida, pero agora, cando xa teño case asimilada a situación e recuperadas as ganas de seguir loitando polo que a min me interesa, explicareiche eses motivos e comprenderás que eu non te abandonei nin deixei de quererte, así como que o que fixen ten as súas razóns e o seu fin.

Non sei se estás ó tanto de que meu pai faleceu hai uns cinco meses dunha enfermidade descoñecida. Os doutores propuxeron levalo ós Estados Unidos para investigar con el e quizais, así, puideran atopar unha cura para semellante enfermidade, pero a miña familia non puido ingresalo nun dos hospitais que nos recomendaban posto que, como ti sabes, a situación económica non era moi boa a pesar de recibir axuda duns tíos que emigraron co fin de obter unha mellor economía e calidade de vida fora da súa terra. Agora, con estes tíos emigrantes, vivimos miña nai máis aquí, nun lugar apartado das terras que nos pertencen. Coma nós tivo que facer moita máis xente, xa que onte me atopei cunha familia que vivía preto da miña aldea, como non puido explotar as súas terras, tiveron que emigrar..

Por outra banda estaba a túa familia, teu pai é un home de negocios, con moitas terás productivas e toda a túa familia goza dunha boa economía. Como eu desexaría ter algo serio e formal contigo, preciso ascender un pouco na sociedade, poñerme á túa altura en tódolos aspectos e que, así, a túa familia poida aceptarme sen considerarme un rapaz pobre e de pouca clase. Esto non o podería conseguir quedando na miña aldea.

Ó morrer meu pai, meus avós emigraron para reunirse cos demais fillos e que eles se encarguen de coidalos, mentres miña nai seguía á fronte do traballo que meu pai desempeñaba. El era zoqueiro, un oficio que dera traballo a moita xente na nosa terra, pero que cada vez era menos prestixiado e remunerado, por riba disto, miña nai non coñecía moi ben o oficio e ademais tiña que coidar do gando que tiñamos: vacas, touros, ovellas, coellos, galiñas, cans... e facer as labores da casa. Eu axudáballe en todo o que podía, pero ela non me deixaba facer moito, só quería que me adicase a estudar e que non me preocupase polos demais traballos. O único que me permitía facer era levar os zocos ás feiras e ás festas para vendelos, e eu ía encantado porque alí veríate a ti. Xa de pequeno ía sempre con meu pai porque os señores e as señoras que ían de paseo e para ver o que había, como dicía meu pai, acostumaban darme uns caramelos ou cinco pesetas e a min facíame moita ilusión. Cando fun sendo máis mociño eu non acompañaba a meu pai por este motivo, senón porque xa me fixara en ti e nos empezabamos a mirar desa maneira tan estraña, o noso amor comezaba a agromar.

Pero xa dende antes da morte de meu pai, miña nai dábame moito cariño e amor. O que facía é algo moi típico nunha nai que quere ós fillos e loita por darlles o mellor. Eu son o seu neno consentido e permitíame todo, pero coidándome e vixiándome a cada minuto, non permitiría que algo malo me acontecese, como sucedeu no caso de miña irmaíña. Eu daquela tiña nove anos e Xoana, miña irmá, once, era unha rapaciña pequecha, sinxela e loura, tiña uns enormes ollos azuis, similares ós teus, e unha face de boneca que a facía a máis bonita de tódalas nenas. Miña nai mandáraa ir ó panadeiro e cando volvía á casa coa súa cariña risoña e inocente e brincando coas zoquiñas que meu pai lle fixera, un coche atropelouna friamente e o golpe tan forte que levou na cabeza fixo que non se puidera salvar. Foi moi duro para toda a familia aceptar o que pasara, especialmente para miña nai , que caeu nunha gran depresión da que con axuda de todos foi saíndo, pero por moitos anos que pasen, como é normal, nin ela nin eu poderemos esquecer nunca esas penas.

Agora, antes de partir, eu vía que miña nai estaba recaendo co motivo da morte de meu pai e tódolos demais problemas. Como eu non podía permitir que iso volvese acontecer, púxenme en contacto con meus avós e meus tíos chegando ó acordo de irnos vivir temporalmente con eles ó estranxeiro. Alí miña nai recuperaríase mellor estando en compaña da maior parte da familia e eu podería continuar os meus estudos.

A maior alegría que eu lle podo dar a miña nai é converterme nun home de ben, estudado, disposto a progresar e a loitar, e formar unha familia honrada que lle dea moitos netos.

As aspiracións que ten miña nai con respecto a min son as mesmas que as miñas. Aspiro a acabar a carreira que estou estudando, atopar un bo traballo e volver á miña casa da aldea para revivir todo o que tiven que abandonar, xa que tivemos que deixar descoidadas as terras, vender os nosos animais, despedirnos da nosa xente e mudarnos de casa, deixar aquela casa grande, de pedra e acolledora, para vir parar a un apartamento pequecho na periferia desta cidade, deste lugar que non me pertence e co que non me sinto identificado. Non nos atopamos en malas condicións nin desamparados, pero a pesar de estar cunha gran parte da familia, sinto moita morriña pola miña terra e a miña xente. Agardo impaciente o día no que logre o que anhelo, facer da miña casa da aldea un lugar tranquilo e alegre, explotar as miñas terras, volver ter animais e poder apoiar á xente da nosa terra, ofrecer, en primeiro lugar, traballo e axuda ós máis necesitados e en peores condicións... Xa que eu algún día me sentín así e non llo desexo a ninguén. Se está nas miñas mans non permitirei que ninguén teña que emigrar e abandonar a súa terra como eu e moita máis xente tivemos que facer para saír adiante, xa que a nosa terra vale moito, ten esas paisaxes tan fermosas, encantadoras e acolledoras, ten esa natureza tan chea de verde, esa gran variedade de animais, esas tradicións que dende tan antigo nos seguen e tantas xeracións atravesaron... todo isto dálle un valor incalculable á nosa terra, aínda que algunha xente non o soubera valorar, pero eu si sei, e esa terra ten moitos recursos para poder progresar e non quedar estancada e discriminada, só precisa dunha pequena axuda nalgúns aspectos que eu mesmo lla darei en canto regrese a ela.

volverei_por_tiEspero que agora entendas o por qué da miña partida e que te decates de que non o fixen de boa gana, pero como podes ver, era o mellor e o máis aconsellable para todo menos para o noso amor, mais eso, pola miña parte, está a salvo e seguirá vivo e con forza para toda a vida. Comprenderás que eu non quero volverme rico da noite á mañá, pero si quero chegar a ser un home de proveito que che poida dar a ti e á nosa terra todo o que merecedes.

Meu pai sempre dicía “antes de comer as maduras, hai que comer as verdes”, e é moi verdadeiro este refrán, xa que non me atopo nun momento de felicidade e benestar total e absoluto, pero vivo coa esperanza, coa ilusión e coa fe de que loitando alcanzarei o que eu desexo, e sei que entre o meu esforzo e a axuda de Deus pronto o conseguirei. O que me atormenta é a posibilidade de perderte, sabes que te amo como nunca amei a outra muller e estou seguro de que, cando te entregaches a min, ti tamén me amabas coa mesma loucura e paixón que eu.

Cada noite saio á terraza deste humilde apartamento e recordo aquela noite, ás veces penso se sería soamente un fermoso soño porque nunca imaxinara ser tan feliz durante unhas horas. Aquel pouco tempo no que estivemos xuntos foi o máis bonito e especial da miña vida e lémbroo cada noite, cando miro ó ceo para pedir axuda e forza a Deus para alcanzar o que quero, e te vexo alí, entre as estrelas, mirándome e sorríndome como tantas outras veces porque aínda que agora esteas moi lonxe segues no meu presente e na miña vida.

Dende sempre nos gustamos e nos amamos, aínda que nunca nos atrevemos a dicírnolo, pero as nosas miradas tan intensas dicíano todo. Sempre que me mirabas con eses olliños azuis tan claros e bondadosos o meu corpo estremecíase, eu quedaba sen palabras, soamente te miraba atónito sorríndoche con timidez e lixeiramente, ti dirixíasme outro sorriso parecido que me facía estremecer aínda máis.

Aquela tarde que tiñamos a oportunidade non a deixamos escapar. Foi o día antes de eu partir, eu fora a aquela festa gastronómica para verte e despedirme de ti aínda que fora sen palabras, sabía que estarías alí posto que na nosa terra hai moitas festas destas e ti sempre ías a todas, eu víate dende a miña tenda de zocos, pero nesta ocasión eu non fora para traballar xa que, miña nai máis eu, puxeramos fun a ese traballo.

A xente xa comezaba a marchar, eran arredor das sete da tarde cando nos miramos unha vez máis naquel día, pero coma nunca antes, con máis paixón, máis desexo, máis amor... Sen dicir nada comezamos a camiñar cara un río que había preto de alí, mirabámonos e sorriámonos a cada paso que dabamos, logo collémonos da man e apertándoas máis forte cada vez, os nervios que ó principio sentiamos, foron desaparecendo. Non pensabamos en nada, soamente en nosoutros. Foi unha sensación moi rara para min poderme esquecer por un pouco de tódolos problemas e tristezas polos que estaba pasando.

Ó chegar á beira do río as túas meixelas comezaron a pórse encarnadas, pero un bico meu fixo que te sentiras máis tranquila e segura. Era unha paisaxe fermosa, o sol estábase poñendo entre varias montañas que se vían ó lonxe, o río levaba unha auga moi clara e de vez en cando saltaba algún que outro peixe. Aqueles animais ata parecían contentos por estar nós alí, gozando tanto do momento. Foi daquela cando nos entregamos un ó outro dándonolo todo,co desexo, paixón e amor que sentiamos, amabámonos tanto que non podiamos impedir aquilo a pesar de ir en contra da nosa ética.

Os dous nos decatamos nese momento de que nos amabamos máis do que ata entón pensabamos e do forte, seguro e verdadeiro que era o noso amor, como para non querernos separar xamais.

E a pesar de que as miñas circunstancias naquel momento nos separaron, eu pronto volverei, volverei á miña amada terra, a Terra Chá, e volverei para quedar loitando por ela e xamais marchar, e volverei por ti, miña amada Rosario, volverei coa esperanza de casar contigo, ante Deus e ante a lei, e formar unha familia cargada de amor e felicidade que loita unida polo que en realidade quere e espera da vida. Mais se para entón, cando regrese, ti, miña amada, estás con outro home, renunciarei a ti con orgullo con tal de verte feliz, pero lembra que xamais me vou esquecer de ti nin nunca deixarei de amarte.