Na Biblia do galeguismo, Castelao definía o ideal labrego como a ansia por vivir con fartura e vender o que sobra, premisa que ten suscitado un inmenso cariño pola casa dos pais e que obedece á querencia por ter fogar de seu, con catro fachadas asentadas nun outeiro. Unha casa ás catro augas, símbolo dunha vida independente, libre e dominadora dun amplo espazo baixo as estrelas, coa consideración moral da máis nobre institución de dereito consuetudinario e unha fonda raíz no sentimento noso que adoito ten no fogar campesiño o núcleo dun complexo tecido económico valedor dunha vasta e ancestral cultura.

Tal é o protagonismo literario da casa e mesmo a expresión poética dese agoirar por ser dono dunha vivenda nos autores chairegos e mesmo nos humanistas e paisaxistas mindonienses en xeral. Cabe pensar que aquela é, por extensión, o medio no que poñemos casa: as árbores, os ríos, os camiños e os animais. (Esa casa que agora bota en falta o poeta e moitos de nós). Noriega Varela –unido por tantos motivos a Xoán Neira- compendia ben tal pensamento:

Embreñarme procuro, e feliz fora
si xa de meu tivera unha casiña.

neira_polinEsta das comarcas achairadas é unha tipoloxía de vivenda diferenciada, disposta de xeito illado e rotundo, sobre terreo suave, con amplos espazos cubertos de lousa de xisto a catro augas. Sinxela e limpa, sen grandes hermetismos, como a poesía de Neira, a de Crecente ou a de Manuel María, parca en construccións adxectivas sen utilidade clara, desprovista de elementos engadidos, austera como os versos dos seus poetas e malia as asociacións constructivas, cun predominio evidente da independencia.

A cuberta a catro augas propia da Chaira dálle personalidade á paisaxe e responde ao desexo de abrazar grandes espazos e protexelos da humidade, como unha matrona de xenerosa prole e brazada resistente, como as trabes de carballo que cangan o lousado destas vellas casas emprazadas sobre un chan alombado, ao modo en que o fai Crecente Vega no “Decir do namorado” pondo casa poética no alto das Teixoeiras de Ramil, por onde Amor Meilán ubica o baluarte postreiro da nosa soberanía fronte á dominación romana.

Porén, o pasar dos anos e algunhas eivas endémicas do noso pobo fan desta construcción milenaria un corpo delicado que se esborralla en soidade cando a porta pecha para sempre, deixando escapar polas regandixas do tempo ese sentimento inmanente que Xoán Neira –bondadoso e tenro- recolle na alma do poeta que soubo orientar o seu propio fogar no Paraíso viveirense de xeito que lle permitise ver como amence a Chaira luguesa por enriba da ría. É o espírito do desexo e mais da dor que se confunden na saudade e que Teixeira de Pascoaes tiña por estigma da raza: un bafo da terra transmutado na comuñón do home coa paisaxe, tamén concretado por Nóvoa Santos na tendencia do home a reverter na mesma Terra que o criou e nesa ollada perdida no horizonte das mulleres de Otero Regal que ilustran o presente poemario. Un dualismo metafísico que moito aqueixaba aos escritores saudosistas galego-portugueses e que ben sendo a mesma dicotomía que agora move o xenio poético do Neira para sobordar o monte de San Roque e voar de regreso ao Miño sentindo “unha aurora e un poente á mesma hora”, o norte e o sul da súa patria literaria, alfa e omega na que prenden todos e cada un dos versos seus.

Esta de Ás catro augas é poesía “de entre séculos”, doída e esperanzada, de ausencia e de combate, como o foi aquela dos epígonos entre o ocaso do ronsel decimonónico e as varandas do abrente –parafraseando ao autor- que lle deron a luz ao poeta de Meilán afincado na Mariña de augas cántabras, por onde avanza a contracorrente a Meseta de Lugo cos seus asentamentos de xenuína fasquía e coa parroquia nativa de Santiago de Meilán como prototipo galego de agrupamento de poboados dispersos. Neste poemario mesetario, afín ao territorio achairado do interior lucense, ao mundo das grandes depresións, fica dunha beira toda a desolación e desamparo finisecular, o réquiem elexíaco ante a última derrota nesa loita a morte pola supervivencia dunha especie con distinción singular, a ladaíña por unha raza domesticada á forza de descasteala, acurrada nos seus modos de vida e valores, un berro de impotencia contra o xenocidio do que foi erguido con sentidiño e, a fin de contas, adulterado nos seus usos e costumes. Poesía da memoria e da saudade apadriñada coa benzón do patriarca das letras chairegas, o lembrado Manuel María que prologa esta tetraloxía e a súa Fundación que a acolle na colección “As foulas do Rañego”. Inmensa a fidelidade ao humus que transcende nestes poemas e que –como a morriña para Castelao- dimana dos fondos insobornabeis da raza, dunha raza campesiña que se extingue e que só se apagará coa morte do último dos seus membros, do derradeiro herdeiro…

Xoán Neira pónlle voz á boqueada final dun modo de vida agonizante e sabe estar alí cando pecha “a porta da CASA GRANDE da tradición”, como el di no último dos catro textos a propósito da morte de Euloxio da Cigoñeira. É o seu un corazón ferido, castigado, que mesmo tivo que arrostrar co pranto pola fin da súa casa patrucial, a do Moreno de Meilán, adega de arrieiros, cantina con argolas para as cabalerías e casa de labranza ás catro augas que –segundo lembra na súa prosa poética recente- abrigou a seis xeracións dunha xinea. Talvez a poesía dá coraxe para encarar a vida en momentos tan determinantes: “E agora déixanme á intemperie. Teño un soño, un pesadelo recorrente cada noite… o cazo devorando o seu corazón… obrígante a trasterrarte, arríncanche as túas raíces… profanan a túa intimidade”. (Ben distinta é a estampa do río penetrando na casa chairega cada inverno, esa historia de amor que descubrimos nas prosas do poeta Vega Ceide).
Á outra beira destes versos últimos de Neira, sempre queda un alento de esperanza, unha regaña para a luz esparexida no silencio desa casa súa devorada polas alimañas do falso progreso (“quédame o consolo de que non atoparán os tesouros que gardei nos buratos das súas paredes, nin poderán expropiar as pegadas da miña xente, nin a memoria e os soños dos que a construíron e de todos os seus moradores”). E nesa nova xeira, unha segunda oportunidade para esta terra de promisión, un ideal que para o mártir das letras chairegas –o poeta Francisco de Fientosa, fillo ilustre de Castro de Rei- só se alcanza andando eternamente. Porque, asevera o Neira:

SEMPRE
… escampa
e seguros,
sentíndoa, habitándoa
seguiremos viaxe dacabalo dun soño largacío
cos pés na Chaira
e un canto na alba.

Alá no fondal, emerxe esta reflexión sosegada, serena e meditada, sentida na distancia e na presenza do que se ama, coa saudade propia dos fisterres. Na impronta desta tetraloxía escrita ás catro augas, con ese sentido da plenitude que tal visión conleva, vai impresa a definición máis clásica do tempus fugit, do roldar do ser humano a través dos ciclos do tempo, do calendario agrario que evolúe paseniño polas catro estacións –sempre o catro, cifra sólida e tanxíbel, plena e universal, como as nosas casas das chairas luguesas, pechadas a catro augas, ollando aos catro puntos cardinais, protexidas por catro muros como as fortalezas da fidalguía galaica…

Unha filosofía que procura o pracer vital na sinxeleza e simbolismo dos elementos naturais e que ao máis puro estilo noriegués, ama as cousas humildes polo que teñen de ideal de tenrura a través da fala viva. Unha personificación da realidade próxima ao hilozoísmo de raíz animista que introduce a figura humana e os seus traballos alonxándose do mero bucolismo, unha humanización do campo que explica a vida no medio rural galego. Alén da mera descrición costumista, a poesía de Neira é a crónica sentimental da Chaira antiga e por ende a metonimia da Galiza máis nosa, na que el mesmo é transeúnte.

Mais o que de veras se agradece, o que agrada de verdade, é o exercicio supremo do decoro lingüístico, o respeto á liturxia campesiña, con ese propósito de lealdade ao xenio da nosa máis nobre tradición labrega, tan presente nos escritores con oficio antes de se perder a maña que sempre definiu a ciencia humanística –esa solemnidade, pureza e precisión no estilo que boto en falta na primeira sesión do noso Parlamento que transcorre mentres redacto estas liñas- e que fan dos versos de “Ás catro augas” un exemplo matinado de restauración idiomática e de ratificación do gosto pola lingua patrimonial, a expresión elegante que sen dúbida o Neira terá visto pola Mariña aos pés da efixie viveirense do Pastor Díaz ilustre ou na praca que decora a casa natal de Federico Maciñeira na ría do Barqueiro.

Poesía ás catro augas, termando desa grande construcción literaria que é a Terra Chá.